As FINTECH fronte á concentración bancaria.

16/02/2021
As FINTECH fronte á concentración bancaria.

 

A concentración empresarial que deixa un negocio en mans de uns poucos é un perigo en calquera sector económico xa que ameaza a existencia dunha competencia sa, e por tanto, tamén ameaza aos intereses dos consumidores.

No sector financeiro saltaron as alarmas. En 12 anos pasamos de ter 62 entidades a 12, si, lese ben e non me equivoco ¡En 12 anos quedáronse 50 entidades financeiras polo camiño! 

Esta redución do número de entidades bancarias que operan no mercado é o que se coñece como concentración bancaria. Este proceso prodúcese principalmente a través de fusións e adquisicións realizadas entre elas. As causas pódense atopar na globalización, nas crises económicas como a do 2008 que levou á desaparición das caixas de aforro ou o propio papel do Estado favorecendo fusións e absorcións co obxectivo de lograr condicións máis favorables para as nosas entidades fronte aos competidores internacionais. A todo isto hai que unir a crise financeira do 2018 que acelerou a tendencia debido á crecente dificultade do setor bancario para rentabilizar o seu modelo tradicional ante a baixada de tipos de interese de referencia a mínimos históricos.  Para poder competir con garantías necesitan maiores ingresos e reducir custos operativos mediante sinerxias e economías de escala.

Esta imaxe fala por si mesma.  

 

Mapa da concentración bancaria en España (Fonte ABC)

O dito "unha imaxe vale máis que mil palabras" neste caso cobra todo o seu sentido. Sobran as palabras para explicar como estamos en España, non obstante, recorreremos a elas para falar dos os riscos que conleva un exceso de concentración.

- Por un lado pode dar lugar a situacións de exclusión financeira onde un número elevado de cidadáns e empresas vean restrinxido o seu acceso ao crédito. A banca reduce a capacidade de outorgar créditos a familias e empresas, xa que as entidades que se xuntan non poden asumir o dobre de risco dunha empresa ou dun particular; desaparecen polo tanto, ou redúcense considerablemente, as posibilidades de diversificación financeira. 

- Por outro lado tamén pode implicar grandes riscos a longo prazo para a estabilidade do sistema bancario, o cal pode pasar a estar controlado por grandes entidades de crédito interconectadas que operarían en condicións virtuais de oligopolio. É dicir, estamos ante un mercado con poucos ofertantes e moitos demandantes ou o que é o mesmo ante unha competencia imperfecta onde son os vendedores os que teñen o poder de poñer as condicións e de influír nos prezos.

 - Existe tamén un risco sistémico preocupante inherente aos bancos con excesivo tamaño que plantexa interrogantes sobre a estabilidade do sistema e a efectividade de ferramentas como os plans de recuperación, a garantía de depósitos, o fondo de resolución bancaria etc. Falamos de Bancos sistémicos que "non se poden deixar caer" polas enormes e graves consecuencias que poderían levar a unha quebra nacional e mesmo en alguns casos internacional como vimos con Lehman Brothers que arrastrou a medio mundo coa súa caída.

Pero non todo son malas novas. A aparición das Fintech supón eliminar as barreiras de entrada a servizos que ata agora só podían ofrecer uns poucos. A especialización das mesmas e a diminución de custos que supón operar a través de internet supón un cambio significativo que lles permite actuar como ferramentas antioligopolistas. A convivencia de novas solucións coas antigas debuxan un novo ecosistema financeiro máis equilibrado. Isto é fundamental para calquera sociedade e está unido ao funcionamento do tecido empresarial, do propio sistema público e da cidadanía no seu conxunto por iso os poderes públicos deben velar polo seu bo funcionamento. En España existen varios órganos encargados da supervisión e control. A máxima autoridade en materia de política financeira corresponde ao Goberno, en concreto ao Ministerio de Economía e Competitividade  destacando o papel da CNMV adscrita a dito Ministerio a través da Secretaría de Estado e Apoio á empresa. Con personalidade xurídica propia e plena capacidade pública e privada destaca a labor do Banco de España que á súa vez é responsable de executar tarefas impostas polo Banco Central Europeo.

Mención aparte merecen as Big Tech como Google, Amazon ou Whatsapp cuxa enorme sombra deixa interrogantes por resolver. Son moitas as que comezan a ofrecer servizos de pagos e finanzas supoñendo unha nova ameaza de concentración de poder. De momento as barreiras legais de entrada para poder operar nos distintos países actúan de freo e control. Os primeiros pasos están a dar a través de alianzas con outras empresas xa consolidadas pero o seu percorrido aínda está a empezar e non deixa impasíbel a ningún dos actores do ecosistema financeiro.

 

 

 

 Imaxe de Sarah Richter en Pixabay

David Martínez Rego
Asesor Tecnolóxico en Inversa Invoice Market

Si quieres contribuir en el blog de Inversa como experto hazte socio del conocimiento.